Compostela roza de novo as 100.000 estadías de turismo internacional en outubro
23/11/2023.- A tarifa media aumentou un 12% respecto de outubro do ano pasado, situándose nos 96,5 euros, segundo os datos do INE.
23/11/2023.- A tarifa media aumentou un 12% respecto de outubro do ano pasado, situándose nos 96,5 euros, segundo os datos do INE.
Líder Redacción
23 de noviembre de 2023 a las 15:46
Os estabelecementos hoteleiros de Santiago de Compostela sumaron 99.224 estadías de turistas internacionais no pasado mes de outubro, cun crecemento do 8,1% respecto do mes de setembro do ano pasado, segundo os datos do INE. É o primeiro mes da serie histórica no que o turismo internacional chega tan preto da barreira das 100.000 estadías. Duplica por exemplo o número de estadías internacionais de outubro do Ano Santo 2010, cando foran 47.466.
Este dato, sumado ás 105.678 estadía do pasado mes de setembro, confirma a consolidación de Compostela como un destino internacional cun atractivo turístico que vai moito máis alá que a celebración dun Ano Santo. Tamén vai na liña do cambio do modelo turístico na cidade, apostando pola desestacionalización da demanda a través dun turismo de maior valor engadido.
O turismo internacional alcanzou o 58% do total das estadías que se rexistraron na cidade no pasado mes, superando amplamente ao turismo doméstico, que supuxo o 42%, con 73.281 estadías.
A maior presenza de turismo internacional, que en xeral ten un gasto medio por persoa superior ao doméstico, axudou a que a tarifa media diaria subise en outubro ata os 96,5 euros, cun incremento do 12% respecto dos 86 euros do mesmo mes do ano pasado, segundo os datos do INE.
Grazas aos grandes datos de setembro e outubro, o turismo internacional está xa moi preto das 700.000 estadías no que vai de ano. En total, suma xa 696.777 ata outubro, un 19,6% máis que no mesmo período do Ano Santo 2022. Con esta cifra, o turismo internacional representa o 48,6% da demanda acumulada neste ano.
Tomando os datos de turistas domésticos e internacionais, os establecementos hoteleiros da cidade rexistraron ata outubro 1.435.099 estadías, un 6,2% máis que o ano pasado.
Se no último par de meses do ano continúa esta tendencia de crecemento grazas ao incremento do turismo internacional, sería a primeira vez que o ano posterior a un Ano Santo consigue superar as cifras do propio Ano Santo, amosando a fortaleza de Santiago como destino turístico e do seu atractivo internacional que vai máis alá do Xacobeo.
Recibe las noticias en tu correo.