Turismo de Santiago, a través do seu servizo para a promoción da cidade como destino de congresos, o Santiago de Compostela Convention Bureau (SCCB), participa na Feira Internacional IBTM World, un dos principais encontros profesionais internacionais do sector MICE (Turismo de Reunións, Incentivos, Congresos e Exposicións), que se celebra en Barcelona entre o 28 e o 30 de novembro.
Durante os tres días da IBTM World, o SCCB ten confirmadas 45 reunións con axencias que amosaron o seu interese previo en traballar con Compostela como destino. A maior parte delas son axencias internacionais, destacando principalmente o interese de axencias de Noruega, con sete solicitudes, Países Baixos, con seis, e EEUU, con cinco. Este interese amosado por profesionais de mercados tan distintos é unha sinal da mellora constante do posicionamento de Santiago como destino internacional dentro do sector MICE.
Segundo os datos da Spain Convention Bureau, o gasto medio dunha persoa que viaxa por reunións foi no 2022 de 335 euros ao día, unha cifra que triplica o gasto medio diario dun turista vacacional tradicional. Ademais, a maior parte destas viaxes por incentivos e reunións fanse fora dos meses centrais de tempada alta, polo que fomentan a desestacionalización dos destinos. Por estes dous motivos a aposta polo turismo MICE é unha aposta estratéxica para mudar o modelo turístico de Compostela, apostando por un segmento cun alto valor engadido.