Na súa intervención final, o alcalde quixo subliñar que “este centro vai estar moi ben localizado, xa que está preto das parcelas que cedemos á Xunta de Galicia para a construción de 218 vivendas públicas e, ademais, nos terreos anexos ao futuro colexio tamén vai haber unha actuación nun futuro onde se van construír máis de 900 vivendas do sector privado, co cal esta é a zona de expansión do Milladoiro e a zona de crecemento do maior núcleo do noso concello”.
A continuación interviu o arquitecto da obra, Iván López, que destacou “o edificio organízase en tres plataformas. Temos un nivel superior onde se sitúa o acceso principal. As zonas de uso colectivo e de circulación sitúanse onde están os accesos principais. Dende eses espazos imos baixando cara as zonas de infantil e primaria con espazos exteriores onde os nenos e nenas poden facer actividades no seu tempo libre. Coma xa dixen trátase dun edificio organizado en tres plataformas. Na última plataforma estará a pista descuberta e unha pequena horta que estará situada no extremo noroeste”.
Ames é un dos concellos máis dinámicos de Galicia a nivel demográfico
O novo centro vén dar resposta ás necesidades de escolarización do concello de Ames, un dos máis dinámicos de Galicia desde o punto de vista demográfico. Neste sentido, Román Rodríguez destacou que, ao abeiro do devandito plan, “comézanse a construír este ano tanto este colexio como o Instituto Domingo Villar de Vigo, ambos da man da Consellería de Vivenda, e xa temos proxectado un novo instituto no Pereiro de Aguiar, en Ourense”. Así mesmo, o plan inclúe a ampliación de 48 centros, das que están en execución 18.
“Malia a caída da natalidade, hai concellos nos que a demanda de prazas de escolarización continúa medrando, especialmente en veciñanzas máis novas, como é o caso de Navia, en Vigo, e en concellos que limitan coas cidades, como Ames ou O Pereiro de Aguiar”, explicou o conselleiro. “A Xunta está a dar resposta a estas situacións a través da construción e ampliación de centros, sempre co obxectivo de atender ás familias e que Galicia continúe a ter o servizo educativo de máis proximidade de toda España”, salientou.
Pola súa banda, María M. Allegue puxo en valor o compromiso da Xunta para dotar de todos os servizos necesarios, neste municipio, coa poboación máis nova da comunidade e onde o número de veciños segue medrando. Así, a conselleira destacou tamén a aposta do Goberno galego por facilitar o acceso á vivenda á veciñanza de Ames, onde xa está en marcha a contratación da redacción do proxecto de 78 vivendas de promoción pública na rúa de Agriños, nunha parcela cedida polo Concello de Ames. A previsión de Xunta é que se constrúan no municipio máis de 200 vivendas, cun investimento estimado de preto de 41 millóns de euros.