En canto á carga e descarga, finalmente a ordenanza sinaloa que o horario establecido para esta actividade será de 7.00 a 10.00 horas, fronte ao contemplado na ordenanza aprobada inicialmente (de 7.00 a 9.00 horas) e ao horario vixente na actualidade (de 7.00 a 10.30 horas). Ademais, as empresas de reparto de mochilas ou maletas poderán acceder entre as 12.00 e as 14.00 horas, as empresas de mensaxería urxente poderán acceder de 16.00 a 18.00 horas, e as motocicletas e bicicletas de reparto de mercadorías poderían acceder sen restrición horaria.
Outras novidades
A nova ordenanza de circulación e uso da vía pública tamén incorpora un anexo sobre a regulación dos Vehículos de Mobilidade Persoal (VMP), que son aqueles vehículos dunha ou máis rodas, dotados dunha única praza e propulsados exclusivamente por motores eléctricos que poden proporcionarlles unha velocidade máxima de 25 km/h. Entre outros condicionantes para a súa utilización, especifícase que estará prohibido o seu uso turístico na cidade histórica.
Tamén se actualiza noutras cuestións como a clasificación das vías urbanas como zonas peonís, zonas de prioridade peonil, zonas residenciais ou de encontro, ou vías con limitacións para a circulación de vehículos de máis de 5,5 toneladas. Neste último punto, e con respecto á modificación aprobada inicialmente, atendéronse as alegacións presentadas de maneira que se contemplan as excepcións dos vehículos de obra e transporte agrícola, e autobuses de transporte público, escolar e discrecional. Tamén se incorporan á ordenanza os límites xenéricos de velocidade nas vías urbanas: 20 km/h nas vías que dispoñan de plataforma única de calzada e beirarrúa; 30 km/h nas vías dun único carril por sentido de circulación, e 50 km/h nas vías de dous ou máis carrís por sentido de circulación.
O concelleiro de Mobilidade lembrou que ordenanza de circulación e uso da vía pública fora aprobada inicialmente en 2021, nun Pleno no que tamén recibiran luz verde diferentes emendas presentadas polos grupos da Corporación. O texto foi sometido a exposición pública, un trámite durante o que tamén se presentaron diferentes alegacións por parte de 19 persoas e entidades, e parte delas foron incorporadas ao texto. Xan Duro explicou que, despois da aprobación por parte da Xunta de Goberno, a ordenanza será debatida no próximo Pleno de setembro, para a súa aprobación definitiva.
Plan de Mobilidade Urbana Sostible
Ademais da nova ordenanza, a Xunta de Goberno vén de aprobar o novo Plan de Mobilidade Urbana Sostible. O concelleiro de Mobilidade explicou que o documento será presentado en detalle á veciñanza nun acto público que se celebrará no próximo mes de outubro.
O PMUS, tal e como apuntou Xan Duro, é “unha ferramenta de planificación que tén como obxectivo orientar as decisións relativas ao transporte e a mobilidade de maneira que avancemos cara un modelo máis eficiente e sostible, que garanta un entorno saúdable, fronte aos anteriores modelos de transporte que xiraban en torno aos vehículos motorizados”. O documento, que incorpora un Plan Director de Mobilidade Ciclista e un Plan Director de Mobilidade Peonil, desenvolveuse de maneira moi participada, con numerosas reunións, foros e enquisas, e formúlase como un PMUS vivo e en permanente evolución.
O PMUS fixa como actuacións prioritarias a promoción do transporte público, o fomento da mobilidade a pé e en bicicleta, a xestión e optimización do aparcamento, a mellora da accesibilidade, e a mellora da conexión co medio rural e coa área metropolitana. Trátase, apuntou Xan Duro, “de mudar as prácticas establecidas, nunha cidade na que o 63,6 por cento dos desprazamentos internos son en vehículo privado motorizado, fronte ao 36,3% que se realizan a pé e o 10,26% en transporte público”. Neste sentido, o concelleiro tamén apuntou que o PMUS sinala que a taxa de motorización en Compostela é de 582 vehículos por cada mil habitantes.
O Plan de Mobilidade Urbana Sostible fixa unha serie de obxectivos de carácter xeral como contribuir a unha maior calidade de vida e á redución do impacto ambiental do transporte; conseguir mellor balance enerxético; ou avanzar cara proxectos urbanísticos sostibles. Tamén sinala obxectivos específicos como promover o uso dos modos de transporte non motorizados, potenciar o transporte público fronte ao automóbil privado, promover un uso máis racional do espazo público urbano, incidir sobre as condutas de mobilidade da cidadanía, ou contribuir á planificación sostible do desenvolvemento urbano.
Para lograr eses obxectivos, o PMUS fixa ata 90 accións concretas, divididas enmarcadas en trece plans sectoriais: