Ademais de incluír as actuacións do Plan de Obras de Servizos da Deputación da Coruña, os orzamentos presentados polo goberno socialista tamén contemplan unha partida de 15.000 euros para accións de Memoria Democrática e a inversión correspondente ao Concello para a rehabilitación da praza de abastos e a nova oficina de turismo. “Con estes orzamentos Padrón disporá de máis recursos para mellorar os servizos e os espazos que a cidadanía deste pobo merece despois de décadas de abandono por parte dos gobernos do Partido Popular”, afirmou o alcalde.
Anxo Arca lembrou que ningún dos grupos da oposición “presentou nin emendas nin propostas construtivas para modificar estes orzamentos”, lembrando que o documento lle foi remitido ao BNG o pasado mes de novembro.
Durante o debate, a voceira do BNG, Beatriz Rey, expresou novamente o seu rexeitamento ás contas aludindo a que “votar non é unha emenda á totalidade”, pero nesta ocasión tampouco realizou ningunha proposta en relación aos orzamentos. Asegurou que o BNG non vai apoiar a moción de censura co Partido Popular, que “esperará os 30 días e que segue tendendo a man para chegar a acordos” co grupo socialista.
O concelleiro do PP, Ángel Rodríguez, dixo que o goberno padronés “non ten a confianza do PP e que os orzamentos presentados non solucionan os problemas da cidadanía”. Ao que o alcalde respondeu recordándolle que “os problemas e as necesidades de Padrón son consecuencia da mala xestión dos gobernos do Partido Popular, que durante décadas foi incapaz de conseguir que Padrón fose a mellor”.
Á hora da votación, a secretaria chamou por orde alfabético a cada un dos concelleiros e concelleiras, que manifestaron o seu apoio ou rexeitamento á cuestión de confianza presentada polo goberno local. O resultado foi de seis votos a favor (os do PSdeG) e sete votos en contra (6 do PP e 1 do BNG), polo que a cuestión de confianza e os orzamentos foron rexeitados.