Begoña Balado: «Arzúa vive un momento turístico excepcional” e o Día do Comercio Local bate «récord» de participación
Líder Redacción
4 de diciembre de 2025 a las 13:46
- A concelleira de Turismo, Promoción Económica e Acción Urbana de Arzúa e presidenta da Mancomunidade do Camiño Francés subliña o bo momento turístico do municipio e detalla a ampla programación comercial prevista do 6 ao 8 de decembro
Arzúa vive un dos seus mellores momentos a nivel turístico. Así o explicou en Radio Líder Begoña Balado, concelleira de Turismo, Promoción Económica, Acción Urbana e Comercio, quen detallou que o municipio rexistrou máis de 15.000 visitantes entre maio e novembro, procedentes de 69 países, unha cifra só superada polo Ano Santo 2022. A concelleira subliñou que “Arzúa vive un momento turístico excepcional e temos que coidar o noso territorio para que esta tendencia continúe”.
Balado destacou tamén a evolución no perfil do peregrino: “Cada vez percibimos un turismo con maior nivel adquisitivo, que aposta por hoteis, casas rurais ou pazos fronte aos albergues”. A diversidade de recursos naturais, culturais e gastronómicos está favorecendo este retorno de viaxeiros que xa coñeceran Arzúa a través do Camiño.
Once concellos unidos polo Camiño Francés
Como presidenta da Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés, entidade formada por 11 concellos entre Pedrafita do Cebreiro e O Pino, Balado destacou o bo funcionamento interno deste organismo.
“Somos once concellos e levamos anos traballando moi ben xuntos. A presidencia é rotatoria cada dous anos e iso garante que ningún concello pese máis que outro. É un sistema que funciona e que nos permite organizar promocións e actividades de maneira conxunta”, explicou.
A presidenta puxo tamén o foco nun dos principais retos da Mancomunidade: as conexións aéreas e por estrada. “Temos un problema serio coa falta de voos directos desde Europa. Se un peregrino chega ao aeroporto de Santiago, non ten apenas autobuses para desprazarse a puntos como Sarria e comezar o Camiño. Isto afecta directamente aos concellos do Camiño Francés”, alertou.
Balado insistiu en que é unha prioridade mellorar estas comunicacións: “Se non se reforzan os voos e os transportes internos, acabamos perdendo oportunidades. É fundamental que todas as administracións se impliquen, porque isto non é un detalle menor: é unha cuestión estratéxica para todo o territorio”.
Convite oficial ao Papa León XIV
Na entrevista, Balado relatou a súa recente viaxe ao Vaticano para entregar en man ao Papa León XIV unha carta oficial convidándoo a realizar o Camiño no Ano Santo 2027. “Quedou moi sorprendido e agradecido coa invitación. Foi unha experiencia que nunca esquecerei”, afirmou.
A delegación tamén entregou un bordón e unha vieira, símbolos do Camiño, e mantivo un encontro coa embaixadora de España ante a Santa Sé, Isabel Celaá, á que a concelleira agradeceu o trato recibido. Un agradecemento que estendeu ao delegado do Goberno, Pedro Blanco, pola súa colaboración á hora de axilizar a visita institucional.
O comercio local sae ás rúas do 6 ao 8 de decembro
O Día do Comercio Local celebrarase este ano en Arzúa do 6 ao 8 de decembro, cunha edición que marca un récord de participación: máis de 35 establecementos comerciais e hostaleiros.
Entre as actividades previstas destaca o tren turístico, que funcionará as tardes dos días 6 e 7 e durante toda a xornada do luns 8, ofrecendo un percorrido pola vila xa ambientada no Nadal. A hostalería impulsará unha ruta de tapas na que “se triplicou o número de locais participantes”, mentres que a música correrá a cargo da Charanga BB+, que animará a feira e as rúas o día 8 pola mañá, e das pandereteiras de Monte Furao e a Rondalla de Arzúa, que actuarán nos locais adheridos pola tarde.
O programa inclúe tamén inchables, obradoiros e actividades infantís o luns, e culminará co sorteo presencial dun iPhone de última xeración ás 20:30 horas na Praza da Vila, para o que é imprescindible estar presente e ter realizado compras ou consumicións nos establecementos participantes.
A Papanoelada chega o 21 de decembro con inscrición aberta e gratuíta
Balado explicou ademais que Arzúa organizará o 21 de decembro a segunda edición da Papanoelada, a marcha cicloturista de carácter festivo que xa ten inscrición aberta. A participación é totalmente gratuíta e só é necesario enviar un correo a nadalarzua@gmail.com
A actividade contará con dúas rutas: unha de 20 quilómetros para persoas adultas e outra de 800 metros pensada para nenos e familias. Todas as persoas participantes deberán acudir vestidas de Papá Noel ou con algún detalle navideño.
Ao rematar a marcha, ofrecerase chocolate quente con churros e biscoito, ademais de haber música en directo con DJ durante toda a actividade, creando un ambiente festivo que xa o ano pasado congregou a participantes de diferentes puntos de Galicia.



