As temáticas festivas impóñense no animado concurso de Entroido do Pino
Líder Redacción
12 de febrero de 2024 a las 20:37
- ‘Autos Martís’, recreación dunha atracción de coches de choque, leva o premio ao disfrace máis orixinal
- ‘Festas do Apóstolo anos 60’ imponse na categoría de carrozas
O Pino. 12-2-2024.- ‘Autos Martís’, recreación dunha atracción de coches de choque a cargo dun grupo de veciñas e veciños do concello, fíxose este domingo co premio aos disfraces máis orixinais nun animado concurso de Entroido do Pino no que se repartiron un total de 2.300 euros en premios e no que triunfaron sobre todo os atuendos coloridos e de temática festiva. Os dous premios de maior contía, o de comparsa e carroza, levounos a Asociación veciñal A Carballeira de Chaián cunhas divertidas parodias sobre as ‘Festas do Apóstolo nos anos 60’ e ‘A catedral de Santiago’.
Na categoría infantil, a máis concorrida con dezanove participantes, os premios foron para ‘A diosa do arco iris’ e ‘Un erizo’. Como mellor disfrace individual foi elixida ‘Antroidada campal’, cun traxe no que non faltaban nin as restras de chourizos nin as verzas para celebrar estas datas como manda a tradición.
E tamén espectaculares foron os traxes que luciron as gañadoras do premio por parellas, que co seu ‘Cores de esperanza’ quixeron chamar a atención sobre os diferentes tipos de cancro e o seu tratamento. No premio de grupo gañou a tamén moi vistosa ‘Alicia no país das marabillas’.
A orquestra Los Satélites encargouse de animar dende primeira hora da tarde e ata xa ben entra a noite ao numeroso público que se congregou na praza do Concello e que puido quentar o corpo co chocolate quentiño e os produtos típicos do Entroido que ofreceu o alumnado de 4º da ESO do CPI Camiño de Santiago co obxectivo de recadar fondos para a excursión de fin de curso. Coa mesma fin, realizaron un sorteo de dúas cestas.
Relación de premios
Individual infantil
- A diosa do arcoíris. 150€
- Un erizo. 100€
Individual
- Antroidada campal. 150€
Parella
- As cores da esperanza. 200€
Grupo
- Alicia no país das marabillas. 300€
Comparsa
- Festas do Apóstolo anos 60. 700€
Carroza
- A catedral de Santiago. 500€
Máis orixinal
- Autos Martís. 200€



