As axudas municipais impulsan novos negocios e reabren baixos comerciais en Rianxo
O Concello de Rianxo vén de resolver a primeira convocatoria da liña municipal de axudas destinada a apoiar a actividade comercial e a posta en marcha de novos negocios no municipio, unha iniciativa que no que vai de 2025 mobiliza un total de 20.000 euros.
Líder Redacción
21 de diciembre de 2025 a las 20:18
Por unha banda, mantense aberta unha convocatoria de 10.000 euros dirixida ás asociacións empresariais, co obxectivo de dinamizar o comercio local a través de accións colectivas que reforcen o tecido económico da vila. Trátase da segunda vez que se impulsa esta liña de subvencións.

O alcalde rianxeiro, Julián Bustelo, sinalou que estas axudas teñen como finalidade «impulsar a actividade económica do municipio, reforzar o tecido empresarial e crear oportunidades de emprego para a veciñanza», apostando polo pequeno comercio como motor de desenvolvemento local.
Estas subvencións complétanse cunha segunda liña orientada a favorecer a implantación de novas empresas e comercios, que contempla achegas de ata 2.000 euros por proxecto para facer fronte aos gastos iniciais da creación de novos negocios.
Unha vez resolta a primeira convocatoria, o rexedor visitou esta semana a Rosana e Ariel, dúas das persoas beneficiarias, que nos últimos meses puxeron en marcha os seus proxectos empresariais en Rianxo, dándolle unha nova vida a baixos comerciais que permanecían pechados.
Desde o goberno local avanzan ademais que esta política de apoio ao comercio e ao emprendemento terá continuidade no ano 2026, co obxectivo de seguir fortalecendo a economía local e o emprego no municipio.



