Padrón.16-3-2025.- A comparsa Aromas do Entroido, de Tomiño, foi a gran triunfadora do concurso de Entroido de Padrón, que se desenvolveu este sábado 15 de marzo cun récord de participación ao superar as 1.500 persoas inscritas. Tamén aumentou a intervención local, cun total de seis comparsas, entre as que destacou As vespas mamis, da asociación A Carballeira de Estramundi, que levou o primeiro premio. Por detrás, quedaron o Cine Mudo do CEIP Rosalía de Castro, que concorría ao concurso por primera vez, e Ochenteros a tope, a proposta que nesta edición facía o grupo liderado pola profesora de fitness Eneida León.
Logo de ter que suspender o desfile por causa da chuvia a semana anterior, Padrón encheuse este sábado de cor, alegría, música e moito humor. O bo tempo acompañou o concurso máis multitudinario do Entroido padronés ata a data, que este ano aumentou a súa dotación para superar os 6.000 euros en premios, e o público respondeu animando o paso dos participantes entre a Avenida Compostela o Campo do Souto. Desfilaron pola N-550, cortada ao tráfico, un total de vinte comparsas de máis de vinte membros, e outras tantas con menos integrantes. A categoría de parellas, con 24, foi a máis numerosa.
O xurado tívoo moi difícil para decidir entre propostas que nesta ocasión, ademais de ser moi numerosas, tiveron temáticas moi variadas e destacaron pola súa orixinalidade. O premio principal, o de comparsas de máis de 20 membros e dotado con 1.200 euros, marchou para Tomiño e os espectaculares Aromas de Entroido. Segundos quedaron Los payasos de la tele de Negreira, premiados con 800 euros; e terceiros, A pascua de Padrón, que gañou 600 euros.