Ana Torrent, por José Luis Losa
«Este 2023 posúe unha significación especial para a carreira de Ana Torrent. Pecha un círculo inaugurado hai medio século. Xunto a Víctor Erice, que a situou diante da cámara para que coñecese a poética e a fascinación das imaxes en movemento. Cincuenta anos despois de aprender que o cine era unha ponte de prata para fuxir de ásperas realidades, Ana Torrent asiste en Cerrar los ojos a outra verdade revelada: a pantalla aberta como sanación, como revivificación emotiva. A ese universo case místico retorna a actriz para concelebrar aquela súa infancia, agora recuperada, que conmoveu o mundo. E prodúcese isto no mesmo tempo no que Víctor Iriarte lle ofrenda a Ana unha personaxe delicada e tamén sanadora. A segunda nai dun neno roubado nese xeito de relatar ese acto de xustiza histórica e de reparación dunha ferida aberta que é Sobre todo de noche. De novo, o cine como maxia recompoñedora de emocións rotas. O que vai da inocencia truncada daquela nena-médium que Erice descubriu a esta muller de miradas sabias que seguen crendo na sala ás escuras e na luz para operar milagres ou pagás cirurxías da alma» (José Luis Losa, no catálogo da 37ª edición de Cineuropa)
Sobre todo de noche (2023)
Ana Torrent, Lola Dueñas e Manuel Egozkue encabezan o elenco de Sobre todo de noche, o filme polo que Víctor Iriarte se fixo co Premio FIPRESCI da crítica internacional na SEMINCI de 2023. Con guión de Isa Campo, Andrea Queralt e o propio Iriarte, e cun equipo de produción do que forma parte Isaki Lacuesta, a película propón un relato de vinganza e violencia a partir dun crime real acontecido en España, que atravesa o melodrama íntimo construído arredor dun fillo, Egoz –interpretado por Manuel Egozkue– e as dúas dúas nais, a biolóxica, Vera –á que pon corpo e voz por Lola Dueñas– e a adoptiva, Cora, –interpretada por Ana Torrent. María Vázquez, Katia Borlado e Lina Rodrigues completan o cadro actoral dun filme que conta coa dirección de fotografía de Pablo Paloma, a dirección de arte de Izaskun Urkijo, a montaxe de Ana Pfaff e música de Maite Arroitajauregi.
Sobre o motivo que o levou a recrear esta historia para o cinema, Víctor Iriarte explica en conversa con Isaki Lacuesta: «Lin esa noticia breve hai algúns anos e aquela historia quedáraseme moi dentro. Publicouse no xornal El País en febreiro de 1996 e dicía así: 50 antigos alumnos dun orfanato descobren quen son as súas nais biolóxicas ao recibir unha serie de cartas anónimas. Un sospeitoso acusado de roubar os arquivos da institución. O caso interesoume por dúas razóns moi poderosas: Primeira, pola súa vinculación directa coa historia negra da España do franquismo e da transición. Durante os últimos anos da ditadura e o inicio da democracia, o roubo de bebés a mulleres foi unha práctica amparada polo sistema xudicial postfranquista. As asociacións calculan que entre 1940 e os anos 90, preto de 300.000 bebés foron roubados en España.