A programación comeza este mes de xaneiro coa representación da obra KYOKI de Elefante Elegante. O espectáculo, enmarcado tamén dentro da programación de artes escénicas de Ames, dirixido á rapazada a partir dos 3 anos, representarase o vindeiro venres 31 ás 18.00 horas no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. KYOKI é un espectáculo de teatro xestual concibido coma unha homenaxe a todas as persoas maiores que asisten cada día ao proceso implacable do declive das súas capacidades vitais.
Xa en febreiro, están previstas catro actividades, unha para cada venres do mes e todas ás 18.00 horas. A primeira delas será o día 7, na Casa da Cultura de Bertamiráns, co concerto de Pakolas, “Ecoralia, a lambona ecolóxica”, un traballo centrado na concienciación sobre os beneficios de consumir alimentos naturais. Xa para o día 14, está previsto o concerto didáctico de Jara Ortiz “Rosalía Cantareira”, unha proposta que achegará as crianzas ás composicións musicais de Rosalía de Castro. A actividade será no Milladoiro. Para o día 21, desta volta en Bertamiráns, terá lugar a representación de novo circo “Compaña” de Xampatito Pato, unha actividade dirixida a familias con crianzas a partir dos 5 anos. A obra, que interactúa moito co público, narra a situación dun personaxe solitario que busca compañía entre bonecos e marionetas. Pechando o mes, o día 28, haberá no Milladoiro unha sesión de picadiscos a cargo de María Faltri, cunha selección das mellores músicas infantís en galego.
En marzo están previstas tres actividades ao longo do mes. A primeira será o día 7, no Pazo da Peregrina, coa proposta “Canta, buguina, canta!” de Marta Ortiz, un espectáculo que mestura teatro, contos, xogos e música para viaxar en igualdade, amor e respecto. O día 21, tamén no Pazo da Peregrina, realizarase un obradoiro de debuxo colaborativo a cargo do Espazo Educativo As Seibas para que as familias traballen a creatividade a través da lingua. Para finalizar, o día 28 no Milladoiro, terá lugar un espectáculo de teatro sensorial, “Meco e sono” de Xarope Tulú e Xiana Arias, que proporcionará técnicas para axudar a durmir aos máis pequenos.
Entrando en abril, está programado para o día 4 en Bertamiráns, o espectáculo musical “O cuco veu por acá e marchou por alá”, unha proposta participativa que busca mellorar a execución musical ao mesmo tempo que a rapazada aprende cantigas. O día 11 no Milladoiro será a quenda da maxia co espectáculo “A maxia está nos contos” do Mago Paco, unha actividade que mestura maxia, contos e xogos. Para rematar o mes de abril, o día 25 en Bertamiráns, continuarán os contos e a música da man de María e de Carme da Pontragha coa sesión denominada “Pan con chocolate”.
No mes de maio realizaranse tres actividades. A primeira delas, o día 9 no Milladoiro, será “Arrolos de salitre” de Guadi Galego e Guillerme Fernández. Nela aprenderemos a cantar arrolos para transmitirlles ás crianzas música e lingua. Continuando coa música, realizarase o día 16 en Bertamiráns, a “Foliada con Apego” da man de Pablo Díaz e Olga Kirk, un encontro para que as crianzas e familias gocen da mellor música tradicional. Pechando o mes, o sábado 24, realizarase a habitual excursión a Carballolandia con Anxo Moure. A rapazada poderá gozar dunha xornada diferente na Ribeira Sacra, onde descubrirán novos recunchos da natureza galega e as historias dos seres mitolóxicos na nosa terra.
A programación pecha en xuño con dúas actividades. A primeira, o sábado día 7, será a VI Festa con Apego, unha xornada completa con actividades para que as crianzas e familias socialicen en galego. Para finalizar, o día 20 haberá un obradoiro de cianotipia impartido por Alouette Machine. “Fotografando as herbas de San Xoán” é unha proposta na que as crianzas realizarán fotocomposicións con auga e a luz do Sol para ir aprendendo a recoñecer as herbas de san Xoán.
Os prazos de inscrición das distintas actividades pódense consultar no catálogo da programación. Así mesmo, para resolver dúbidas ou obter máis información pódese contactar co Servizo de Normalización Lingüística a través do enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal ou do número de teléfono 662 377 215. Para aquelas actividades dependentes da Concellaría de Cultura pódese escribir a cultura.milladoiro@concellodeames.gal.
Contos nas bibliotecas municipais
As bibliotecas municipais seguen con actividades de animación á lectura infantil. Así, acollerán vinte e catro sesións de Conto Contiño para rapazada de entre 3 e 8 anos, tanto na Biblioteca do Milladoiro como na de Bertamiráns, sempre ás 17:30 horas.
O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas e educativas.