Neste sentido, informase dun reforzo das inspeccións municipais, para asegurar que o cumprimento sexa real e efectivo. A visibilidade do cartel facilitará estas comprobacións e reducirá a discrecionalidade nas actuacións, garantindo transparencia, obxectividade e igualdade de trato. Dende o luns 19 de maio vanse a repartir os carteis entre os establecementos hostaleiros con licencia de terraza. Posteriormente, dende o 26 de maio farase unha inspección para revisar que as terrazas estean dentro da normativa municipal e dispoñan de autorización. As terrazas que non cumpran a normativa terán ata o 26 de maio para iniciar o trámite.
Presentación da campaña Terrazas de Ames
O alcalde de Ames, Blas García, comezou a súa intervención poñendo en valor “o traballo e a importancia económica que ten para o noso concello a hostalería de Ames, que se converteu nun sector de referencia fóra do noso concello. É frecuente ver a persoas doutros concellos que veñen a consumir e a desfrutar da hostalería do noso concello. Por iso queremos ter unha hostalería máis solidaria, responsable, e sobre todo, que non xere agravios comparativos entre eles mesmos. O que queremos facer con esta campaña é poñer en valor o noso sector hostaleiro e regular o uso de terrazas para que todos os establecementos hostaleiros cumpran a normativa municipal. Todas as terrazas que estean dentro da normativa van a ter este cartel, para que a clientela saiba que cumpre a normativa, ao igual que cando se faga unha inspección se reflicta que é un local que está dentro da legalidade. Os establecementos que non teñan o cartel van a ter que sacar a correspondente autorización”.
O alcalde tamén adiantou que “a vindeira semana, dende o luns 19 de maio, vaise comezar co reparto dos carteis. Despois, dende o 26 de maio, os servizos municipais farán unha inspección para revisar todas as terrazas de establecementos hostaleiros do concello. Debido a iso animamos a todos os locais, que non teñan as terrazas dadas de alta ou que non teñan presentado o seu proxecto, a que o fagan, porque loxicamente unha vez que se entreguen estes carteis, aquelas terrazas que non cumpran a normativa terán ata o 26 de maio para iniciar o trámite”.
O concelleiro de Urbanismo e Administración Xeral, Víctor Fernández dixo que “coa presentación deste novo cartaz de identificación das terrazas o que se pretende é amosar e poñer de manifesto todas as terrazas que están en situación legal e que poden funcionar con normalidade. A legalización dunha terraza no ámbito da hostalería é un acto regrado e sometido a licencia urbanística, e por tanto, que precisa dunha resolución administrativa que autorice o seu funcionamento. O que vimos detectando ata o día de hoxe e que hai un número importante de terrazas que cumpren coa normativa municipal e hai outras que non. As primeiras, que cumpren coa normativa, non tiñan unha identificación clara para a clientela e para o resto de hostaleiros, co cal con esta medida vaise identificar aquelas terrazas que están dadas de alta e reflectir aqueles principios mínimos que teñen que recollerse na licencia municipal como son a superficie que ocupa a terraza, o número de autorización, e a capacidade ou aforo”.
Ademais, engadiu “cremos que esta é unha iniciativa novidosa, moi gráfica e que permite unha identificación inmediata das terrazas e vai redundar nun mellor servizo. Vai establecer unha igualdade de trato para todo o sector hostaleiro, vai identificar as persoas que cumpren coa legalidade e vai garantir que a cidadanía que fai uso deste servizo está nun establecemento que está cumprindo a normativa vixente”.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explicou que “esta iniciativa tamén é moi importante para o departamento de Promoción Económica porque os sábados pola tarde temos o mercado de rúa e estamos traballando para poder realizar un novo mercado os sábados pola mañá. Por iso é moi importante que as terrazas estean legalizadas para poder organizar ben os espazos, para non montar un posto do mercado onde está autorizada unha terraza. Solicito que os propietarios dos establecementos hostaleiros situados nas rúas Entrerríos e Ameneiral, e na praza da Maía, que teñan as terrazas legalizadas. Se hai establecementos que non cumpren a normativa que dean de alta a terraza o antes posible, porque despois vanse instalar postos de mercado de rúa neses lugares. Paréceme unha moi boa iniciativa para que non haxa un prexuízo para aqueles establecementos hostaleiros que teñen as terrazas dadas de alta”.
Favorecer a mobilidade
Por suposto outra das razóns fundamentais para regular correctamente a ocupación do espazo público é garantir a accesibilidade e a mobilidade para todas as persoas, especialmente para aquelas con mobilidade reducida, persoas maiores ou familias con carriños de bebé. A ocupación indebida de beirarrúas ou zonas de paso por terrazas que exceden os límites autorizados dificulta ou directamente impide o desprazamento destas persoas, vulnerando os seus dereitos e creando barreiras inxustificadas nun espazo que debe ser inclusivo e seguro.
Demanda veciñal e dos hostaleiros
No Concello recíbense numerosas queixas de veciños que pedían un maior control sobre o uso do espazo público, preocupados pola perda de accesibilidade, ruído ou ocupación excesiva das rúas. Pero tamén foron moitos os hostaleiros que, cumprindo escrupulosamente coa súa licenza, reclamaban medidas que garantan un trato igualitario e poñan fin á impunidade dalgúns establecementos que exceden os límites establecidos.
Esta medida, polo tanto, responde a unha demanda social real, a unha necesidade de orde e xustiza que transmiten directamente desde o tecido asociativo e empresarial local. Con ela, avánzase cara a unha convivencia máis equilibrada, transparente e respectuosa.