A cerimonia, que será realizada polo alcalde ou calquera concelleiro no que delegue, realizarase previa solicitude de ambos os proxenitores, ou titores, que se formulará, con polo menos quince días de antelación mediante un formulario normalizado. Durante a celebración deste acto citarase a lexislación que ampara o procedemento administrativo e o pai, nai ou titor legal comprometerase publicamente a educar ao seu fillo/a en valores de paz, liberdade e xustiza social; inculcándolle o respecto á igualdade, á diversidade da persoas, aos seus maiores, ás persoas con capacidades diferentes; e en xeral, comprometerase a procurar formalo como cidadán responsable, que integre e mellore a nosa comunidade veciñal.
A instauración desta cerimonia civil obxecto da ordenanza non ten como fin confrontar, desmerecer, desnaturalizar, nin moito menos substituír o sacramento do bautismo cristiá, senón que pretende dar resposta a numerosas demandas formuladas pola veciñanza de Ames. O alcalde explicou que “este é un servizo que se nos vén demandando dende fai tempo e que pretendemos poñer en marcha unha vez se cumpran todos os prazos e trámites legais preceptivos. Como sempre dicimos, Ames é un concello de servizos e como tal daremos resposta a todas aquelas familias que desexen realizar unha cerimonia laica para celebrar a chegada dunha nova amesá ou amesán”.
Prazos e trámites legais necesarios para a súa aprobación
Esta ordenanza estará en consulta pública durante 20 días hábiles rematando o prazo o 19 de maio. Posteriormente proporase para a súa aprobación no pleno ordinario de maio. No caso de que a maioría do pleno así o decida será aprobada e estará en exposición pública durante 30 días hábiles para a presentación de alegacións. Se estas non se producen a ordenanza entrará en vigor cumprido o prazo anteriormente indicado e, se houbese algunha será estimada ou desestimada no pleno ordinario do mes de xullo. O primeiro bautizo civil non poderá ser celebrado ata o vindeiro mes de agosto.
Máis de 200 anos de antigüidade