A praza da Maía, en Bertamiráns, acolleu esta mañá o acto de presentación do novo mercado de produtos da horta e artesanía, que comezará a funcionar o próximo sábado 20 de setembro. En dito acto participaron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, persoal municipal do departamento de Promoción Económica, Juan Carlos Carreja e Cayetana Silva, a responsable da dinamización do mercado da empresa Mesquiteira, Carmen Freire, o presidente de XEA, Ramón Cordido, unha labrega, Nieves Dosil, e unha artesá, Cecile Chane, que van a dispor de postos en dito mercado.
Inicialmente vai contar con 11 postos de produtos frescos e artesanía que ofrecerán froitas, hortalizas, conservas e produtos elaborados e de horta, ovos, flores, rosquillas, doces, pan artesán, alimentos ecolóxicos de tempada, cogomelos, artesanía en téxtil, artesanía en encadernación, produtos de ganchillo, bixutería e produtos de artesanía elaborada con produtos de reciclaxe. Está previsto que durante as próximas semanas se sumen novos postos ao mercado.
Ademais de postos de venda haberá cata de produtos, obradoiros de artesanía e cociña e sorteo de produtos. Este sábado haberá unha degustación de froita de tempada e o sábado 27 farase unha demostración de cociña a cargo do chef José Manuel Mallón, a través do GDR Terras de Compostela. Durante esta primeira xornada do novo mercado tamén se van repartir bolsas da campaña de promoción do comercio local “En Ames témolo todo”.
Trátase dunha iniciativa que se enmarca dentro do Plan de Acción da Axenda Urbana de Ames e que pretende dinamizar a economía e produción local no concello. Ademais, tamén se busca potenciar e reforzar o sector primario dentro da economía amesá, promocionando o consumo de produtos de proximidade.
Presentación do novo mercado