O Concello de Ames presentou esta mañá, no Salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, a programación para as xa tradicionais Prebadaladas 2024, unha iniciativa que comezou a andar no 2019 e que, ano a ano, foi afianzándose entre a veciñanza de Ames para dar a benvida ao novo ano de maneira anticipada e cun ambiente festivo e familiar.
O alcalde de Ames, Blas García, animou a todo o mundo a achegarse a Ames para ser de novo “os primeiros en celebrar o ano novo” e explicou que esta “é unha forma de facer pobo dende o concello e que a veciñanza poida celebrar en conxunto a entrada no ano 2025”. Pola súa parte a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradeceu ás empresas patrocinadoras a súa colaboración e fixo un chamamento á veciñanza para reunirse o día 31 ás 11 na Praza do Concello para tomar xuntos os xa tradicionais 12 arandos das prebadaladas de Ames.
Fátima Pego, a mestra de cerimonias, asegurou un “evento cheo de sorpresas que ninguén se debería perder”, mentres que Rubén Capeáns, de Mada Producións, cooperativa cultural que ofrece produtos de accesibilidade, asegurou que este ía ser un evento no que as persoas con discapacidade auditiva poderán gozar dunha experiencia plenamente inclusiva grazas ás mochilas vibratorias e á interpretación mediante linguaxe de signos.
Programación Prebadaladas 2024
O evento comezará coa apertura de portas e entrega de bolsas ás 11.00 que, para os adultos, conterán arandos, sidra e cotillón, mentres que para a rapazada terán uvas de lambetadas sen glute e batidos. Este ano habilitarase o acceso á praza do Concello pola rúa do Ameneiral e, ademais, haberá unha carpa na Praza do Concello para poder celebrar as prebadaladas aínda que o tempo non acompañe.