Tamén participaron Alonso Caxade, Andrea Porto, Branca Trigo, Nuria Grandío, Rodri Míguez, Raquel Arias, María Cebey, Carlota Mera, Julio de la Iglesia e o alumnado e profesorado de 4º de primaria do CEIP de Barouta.
A partir deste sábado, 22 de novembro, o documental tamén poderá visualizarse na canle de Youtube de Nós Televisión, na canle número 9 de R en toda Galicia e na plataforma Movistar Plus+ no resto de España.
O documental ten unha duración de 37 minutos. A produción executiva correu a cargo de Rosabel Candal e Diego Frey. Da dirección, guión e produción ocupouse Ana Viqueira, mentres que da realización encargouse Martín Rodríguez e Diego Frey. Manuel Expósito realizou traballos de axudante de realización e da edición e montaxe ocupouse Martín Rodríguez. O deseño de grafismos e creatividades foi traballo de Roi Barros; e os operadores de Cámara e iluminación foron Pio Cribeiro, Roi Barros, Martín Rodríguez e Manuel Expósito. Ademais contouse con imaxes de dron grazas ao traballo de Pio Cribeiro, e a locución de voz en off fíxoa Xiana Arias.
“Promover o galego dende o local”
Nós Televisión é unha empresa audiovisual con sede en Ames e que, ademais, a maioría dos seus contidos son relacionados coa cultura e con lingua galega. A motivación de levar a cabo este proxecto vén de que, nestes intres, a perspectiva sobre o futuro da lingua non é positivo e o número de galegofalantes descendeu nos últimos anos.
Así, o proxecto comezou a gravarse hai un ano, en novembro do 2024. A idea naceu, inicialmente, da repercusión que tivo desenvolver o programa Modo galego, actívao! nos centros educativos de Ames. Dende un primeiro momento, buscouse enfocar a peza audiovisual dende unha visión positiva e dunha situación a longo prazo na que mellore e aumente o uso da lingua, sobre todo entre a mocidade.
4 proxectos de Ames para promover o galego
No documental abórdanse catro proxectos que o Concello de Ames desenvolve a través das Concellarías de Normalización Lingüística, Mocidade, Educación e Promoción Económica para fomentar e normalizar o uso da lingua en diferentes ámbitos, dende o educativo ata o empresarial. Así, reflíctense na peza varios eidos nos que impulsar o uso do galego, amosando que o uso da lingua pode estenderse a calquera situación da nosa vida cotiá.
Por unha banda, fálase do certame Galetiktokers, organizado polos departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística, e que pretende motivar á mocidade á creación e divulgación de contidos en galego. O modelo a seguir son os vídeos curtos da rede social TikTok, unha das aplicacións máis populares, sobre todo entre os máis mozos e mozas.
Outro dos proxectos dos que se fala no documental son os Premios Lingua e Empresa, organizado polos departamentos de Promoción Económica e Normalización Lingüística. Esta iniciativa naceu co obxectivo de estimular o uso da lingua galega na actividade económica do concello de Ames, concretamente no eido empresarial, e recoñecer aos comercios e empresas que usen na súa vida cotiá o galego.
O Certame Literario de Ames, organizado polo departamento de Normalización Lingüística, é outro dos proxectos que protagonizan o documental. Trátase dunha iniciativa con máis de dúas décadas de andadura e que ten como obxectivo impulsar a creación literaria en lingua galega, xunto con promover e difundir a cultura propia.