O líder dos socialistas galegos reivindicou un PSdeG “coherente, contundente e valente”, cunha acción política propia, que poña por diante os intereses dos galegos e das galegas e capaz de enfrontar os novos retos “sen complexos e sen contemporizacións”. Sinalou que “se os socialistas gañamos, o cambio é unha realidade e Galicia gañará”.
Reivindicouse como “o partido da xestión, do goberno e das solucións” fronte a un PP que leva 15 anos “sen atallar ningún problema”. Dixo que “somos o partido das accións”, que se presenta “sen complexos” e “aínda que somos distintos, non queremos ser distantes”, porque “Galicia non merece que pasemos o día atacándonos nin envolvéndonos en bandeiras”.
Besteiro presentou un proxecto deseñado para “conectar mellor cos galegos e galegas”, para que volva ser “o partido dos mozos e mozas”, e que defenda unha Galicia “autónoma, pero aberta e conectada a España, a Europa e ao mundo”. Subliñou que “somos socialistas, somos galeguistas, o partido, da igualdade, das liberdades, dos dereitos”.
Reivindicou o feminismo como eixo da natureza e do proxecto socialista, que é tamén “o partido do emprego digno, das entes do mar e dos traballadores e traballadoras do campo”. Presentouse como representante do partido “da lingua galega, da cultura galega, do autogoberno, dos concellos, da sanidade e a educación públicas, do medio ambiente e das oportunidades para todos e todas”.
O líder dos socialistas galegos chamou sinaladamente a blindar a sanidade, a educación e a Dependencia fronte a unha Xunta que encabeza a “merma e desatención dos servizos públicos” mentres se dedica a ser “tertuliano da actualidade” e atacar a Pedro Sánchez”. Anunciou que os socialistas abrirán un debate sobre a Galicia do futuro nunha Conferencia Política que se celebrará no outono.