Zambra, pola súa banda, admitiu que sentía unha “alegría abrumadora” e “moita felicidade” por conseguir este galardón que permite “dialogar entre xeracións”. O escritor chileno, premiado por Literatura Infantil (Anagrama), no apartado de literatura en castelán, sinalou que á hora de escribir o seu libro pensou “nun lector moi novo: o meu fillo, que agora fixo sete anos”. Zambra puxo de manifesto que cando escribe, polo xeral, non pensa nun público concreto, pero que estar hoxe no IES Rosalía de Castro coa rapazada só pode dicir que sente un “entusiasmo” especial por “estar en contacto con lectores inesperados”.
Os tres premiados co San Clemente deste 2025 ofreceron a rolda de prensa na compaña da directora do centro Gemma Paredes, que definiu a xornada de hoxe como “un día moi especial para o alumnado e o profesorado” dos seis centros galegos, un madrileño e tres estranxeiros que participaron nesta edición. Paredes, ademais, lembrou que o Premio San Clemente fai neste 2025 trinta anos de vida, malia que se está a celebrar a 28ª edición. “A pandemia implicou un parón de dous anos, pero aquí seguimos e aquí seguiremos”. Por parte do xurado falou o alumno Lois Docampo, que definiu os tres títulos premiados como “obras magníficas”.
Os tres novelistas únense hoxe á listaxe de escritores e escritoras premiadas por este prestixioso galardón. Unha listaxe que inclúe nomes como os de Paul Auster, Haruki Murakami, Antonio Tabucchi, Almudena Grandes, Manuel Rivas, Sica Romero, Brenda Navarro, María Reimóndez, Mario Vargas Llosa, José Saramago ou a máis recente Nobel de Literatura, a coreana Han Kang, que se fixo co San Clemente en 2018.
No Premio San Clemente de Novela, é o alumnado de diferentes centros educativos quen actúa de xurado. Nesta 28ª edición, os institutos participantes son os seguintes: IES Rosalía de Castro (Santiago), IES do Sar (Santiago), IES de Brión (Brión, A Coruña), IES Aquis Celenis (Caldas de Reis, Pontevedra), IES Gregorio Fernández (Sarria, Lugo), IES Universidade Laboral (Ourense) e IES Ramiro de Maetzu (Madrid). Tamén participan estudantes do Lycée Santi François Xavier de Vannes (Francia), do Grimmelshausen Gymnasium de Gelnhausen (Alemaña) e o Hockerill Anglo European College (Reino Unido).
Novela gañadora en lingua galega.