O acto de irmandamento celebrouse no salón de plenos do Concello de Padrón e comezou gardando un minuto de silencio en memoria de Eduardo Otero, o primeiro alcalde democrático de Padrón que finou onte aos 77 anos.
Este é o terceiro irmandamento do Concello de Padrón, tras os asinados con Rianxo e Santiago o século pasado. O protocolo firmado con Shingu responde a vencellos e obxectivos comúns. Ámbolos dous pobos están unidos polo feito de atesourar séculos de historia e cultura, pola relevancia dun río no seu emprazamento e, sobre todo, por ser enclaves de referencia en dous dos principais camiños de peregrinación mundial e os únicos recoñecidos como Patrimonio da Humanidade: o Camiño de Santiago e a ruta Kumano Kodo, unha rede de itinerarios que conecta os tres grandes santuarios coñecidos como Kumano Sanzan.
Anxo Arca e todo o goberno padronés recibiron a delegación xaponesa, composta por membros do departamento de planificación da prefectura de Wakayama, da Universidade de Toquio e do municipio de Shingu. O acto oficial, ao que tamén asistiu o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, rematou cun intercambio de presentes. Anxo Arca regaloulle unha figura de Sargadelos a Michitoshi Taoka, e este correspondeulle cunha táboa de madeira típica de Shingu na que estaban tallados os escudos dos dous municipios e unha frase relativa ao acordo asinado hoxe.
Tras a foto de familia no salón de plenos e diante da estatua de Rosalía no Espolón, a delegación xaponesa puido visitar os principais puntos de interese de Padrón, comezando pola igrexa parroquial de Santiago, onde se atopa o pedrón ao que, segundo a tradición, foi amarrada a barca do Apóstolo; e a fonte do Carme. Logo achegouse ata o Santiaguiño do Monte e a Fundación Camilo José Cela. Pola tarde visitaron a Fundación Rosalía de Castro e a desembocadura do Ulla.